Finalista del jurado
A estrutura molecular do xeo dun transformador
A neve leva caendo gorda varios días. A montaña descende branca e as copas dos
piñeiros enarboran o sendeiro entre tremores de pesada tensión. A aldea, gris e
fría, mantense apagada baixo os lumes do fogar, está silente, durmida na rutina do
duro inverno da montaña. As casas apréixanse ao redor da capela do centro do plano
urbano, e no interior dos tellados de lousa a xente aférrase entre apertas e vacas
ao pouco calor que da a madeira nova de eucalipto en combustión.
Lois,
embozado no seu abrigo largo, e coa cara cuberta por unha barba de varios meses sae
da casa en silencio. Os seus fillos pequenos o ven saír como unha sombra derrubados
polo sono, e a súa muller santiguase en silencio. Sube polo sendeiro aproveitando
que o ceo está despexado deixando atrás a aldea e afundindo os seus pés entre a neve
acumulada, o seu corpo pesa, e a caixa de ferramentas que leva baixo a man non axuda
nada. Camiño arriba enfila directo ao transformador de alta tensión.
Lonxe da
altura e da montaña, o frío aínda non é tan cruel. A neve non solidifica e o sal
derrete o xeo. Alí, entre os fogares de formigón, a xente mira as televisións coa
esperanza posta nos homes do tempo. Están seguros que o inverno non pode ser tan
frío e tan largo, pero as evidencias van por outro lado. Os que saben disto, avisan
que non parece que vaia a rematar, e os que antes eran escépticos de sofá
reflexionan arrepentidos pola falta de prevención. Mentres, nos pequenos habitáculos
das universidades as persoas afánanse en descifrar a estrutura molecular do
xeo.
Lois apura a súa subida, e o transformador continúa sen transformar a
electricidade. Unha choiva xeada en forma de po de diamante entra ao interior da
maquinaria colonizandoa como virus nun organismo vivo. Os cristais de xeo máis
diminutos, con esas formas de prismas hexagonais que namoraron a aquel investigador
xaponés de nome Nakaya, colonizan o ferro dos devanadores do circuíto. Pesan, e ese
xeo que a microscopio parece unha pílula termina por tirar as pezas de metal,
matando con elas ao transformador. A electricidade termina o seu movemento e o campo
electromagnético desaparece, como a luz e a calefacción na aldea de
Lois.
Lois forza a cerradura do transformador. Ábreo coa noite murmurando as
súas costas e a maldición curta que articulan os seus beizos non chega a sonar. A
súa cara reflíctese nos devanadores conxelados, e parece que os cristais hexagonais
de superficie lisa e suave expoñen a súa barba para rir dela. Observa o circuíto,
pensa nos seus fillos adurmiñados co frío, e afunde o fío da navalla na súa pel. O
seu sangue ferve e cae sobre o aceiro dos devanadores.
A estrutura do xeo
comeza a cambiar bruscamente. O sangue quente derrete algunhas das súas capas. As
moléculas de vapor fanse un oco entre os chanzos conxelados e o cristal medra
rapidamente. Lois non entende, e aperta o puño para que a cascada de sangue sexa
máis forte, e tamén máis quente. O xeo, que nese momento sufriu o que os científicos
que investigan nos habitáculos das universidades chaman unha transición topolóxica,
afronta o novo regueiro de sangue cunha superficie lisa, ordenada e vermella. A
sangue continúa caendo. Cada vez máis forte. Finalmente derrete,
desaparecendo.
Lois colle os devanadores e os mete entre os calzóns para que
sequen coa calor. O po de diamante segue a caer e a súa barba conxélase coas mesmas
formas que tiñan as pezas de ferro do transformador. Acurutado ao lado da maquinaria
inerte, Lois espera mentres o seu fillo máis pequeno soña coa sombra do seu pai
saíndo pola porta. A súa man sangra, os devanadores secan, e o seu corpo termina por
ser un museo de prismas hexagonais, silentes, como todo. O frío chega antes a
montaña que ao formigón.
Texto en su lengua original · © su autoría.