Finalista del jurado
As cores
Non é preciso lembrarlles todas as sensacións e evocacións do que, en definitiva, non
é senón unha impresión. Esta impresión, non obstante, insinúa maxestuosidade,
claridade e reivindicación. Non é poético, non, non é coma un pó lunar que contaxia
solemnidade e transmite pureza. Tampouco é, malia o que digan os máis puristas, un
raio de luz. Por suposto, non pecaría de simplista dicindo que é de esperanza. O meu
raio -concédanme tan exacerbada individualidade- prodúcese no medio dunha tormenta,
xera un pulso e a súa sempiterna e inevitábel victoria maniféstase ante os súbditos,
os cales sofren a insinuación de que algo de suma relevancia acontecerá. O son
ignorarémolo porque non merece a máis mínima atención e a súa calidade, de
cuantificala, padecería de expoñentes negativos.
A impresión prodúcese na
retina, teño entendido. Claro que isto, para min que me epitomizo coma humanista, é
o contexto. Para os actores, o escenario. Para de quen veño a falar, o terreo de
xogo. Este biótopo é un lugar inherentemente repleto de preocupacións e a flora e
fauna que alí viven teñen un xeito peculiar de se relacionaren. Non entrarei en
materia máis que para advertir: a súa cooperación é deficiente e o resultado é un
hábitat formado por unha comunidade miserenta e chea de tristura. Non cómpre dicir
que quen reflicte e absorbe este raio é o biótopo, a fauna do lugar. A min gústame
pensar, debe ser pola influencia natural da miña terra celta, que máis aló hai algo
que se ocupa de xulgar o que pasa en todos os recunchos do meu hábitat; se existise
aqueloutro espírito de xustiza omnipresente, condenaría impertérrito a aquel
raio.
Comentaba, antes de me entreter con deliberacións, senón filosóficas,
si sentidas e, agora que as leo, estimadas, que eu teño unha impresión. Segundo os
caprichosos números, que deciden como será o raio, eu terei unha ou outra impresión.
Sen embargo, coma a morte e, desexo, o sufraxio, a miña impresión é tamén universal.
Estes raios detestan os números e a súa exactitude. Cando lles mencionan as
matemáticas, rinse e choran. Rin porque saben que se esa ciencia se materializase
esta non podería pensar, reflexionar, e polo tanto compadécena e, co sufrimento que
lle ocasionou a mesma, rin. Pero tamén choran porque saben que o poder daquela
ciencia radica na crueldade, non das súas verbas, senón das súas variacións e
porcentaxes. Irrevente ante a ciencia, pois, dou por feito que o raio escoita.
Escoitar, escoita. Atender, atende. Actuar coma é debido? Nunca. Escoita e obra.
Atende á reacción e en base a esta leva a cabo magníficas modificacións conductuais.
E a derradeira ladaíña, a de actuar coma cómpre fica só nalgúns inhóspitos lares
que, á mantenta, non merecerán hoxe a nosa atención. Digo “á mantenta” dado que creo
que cómpre deixar de meditar e pasar a actuar. Mais na miña opinión, debemos actuar
no noso hábitat, influir no noso biótopo e logo, ao sumarmos pequenas accións
individuais, teremos mudado o mundo, o ecosistema, vaia. As matemáticas, deixaba
caer antes, son logo unha parte nuclear do raio debido a que determinan o seu
alcance e modelan a miña impresión. Outra vez máis, a mocidade, piar do biótopo,
absorbe este raio. Para ben ou para mal. De aí que a antano matemática racionalidade
sexa hogano a rídicula traslación á realidade, ao ecosistema, dun filme enmarcado no
drama perdido en carteleira.
A miña impresión varía segundo a miña distancia
do biótopo que absorbe o raio. Hai quen, e inclúome neste grupo, adolecendo de certa
perspectiva histórica, aínda fai discursos aludindo á solidariedade. En
contraposición á retórica, o certo é que a miña impresión dun raio que loce negativo
na miña comunidade é unha coitelada ou, sendo máis condescendentes e, por tanto,
menos visuais, coma un raio que se di de centro. Direi que aquel raio que mencionaba
é para min sintomático da nosa desgraza colectiva. En calquera caso, direi que a
cantidade de luz no ambiente tamén inflúe. É dicir, que se o meu hábitat e o meu
biótopo están ben, eu non serei tan pesimista en canto á miña impresión.
Si,
amigos e amigas, falo das cores. Esa é a miña impresión: a cor. O raio, a clase
política e as súas decisións. E o biótopo, a cidadanía. Dise que as cores son
subxectivas, e cos meus apuntamentos recentes non podo senón facer miñas, coma de
feito fago, esas verbas. Son subxectivas as impresións, en efecto, pero é obxectivo
o dano que ocasionan. Non ousen dicir a quen non pode comer que a súa é unha
impresión subxectiva. Si, efectivamente, para min a pobreza, a desigualdade ou a
intolerancia son cores. Porén, ao velas, só ves unha cousa: a
ignorancia.
Apuntamento: acotío os raios provocan incendios pero arde a
fauna, a flora, resumindo, o biótopo.
Texto en su lengua original · © su autoría.