Premio del jurado
Lúa negra
O espazo e o tempo, pregados sobre a Lúa, concibiron un vórtice mortal. Unha
fenda ecuatorial erixiuse en desdentada boca selenita e comezou a devorar o
satélite desde dentro. Cráteres, chairas e canóns pregábanse sobre si mesmos,
coma ripios de materia que morrían cun fundido a negro. Foron poucos minutos,
unha leve curtametraxe primitiva que recordaba de modo tráxico aos irmáns
Lumière. Coma se o mesmo Méliès se erguese da tumba para rematar o traballo
empezado había cen anos.
Dende a Terra non se oía nada. Os trescentos mil
quilómetros de baleiro amordazaban o suceso, pero a fase chea do Sol, poñía
sobre o desastre o maior dos focos posibles. Espectáculo e incerteza devalaron a
pánico on-the-rocks e unha abominable onda expansiva foi correndo nas mentes da
humanidade.
E cando a Lúa desapareceu, non pasou nada.
A
catastrófica predición de mareas mortas quedou en ren. Puntualmente seguía a
producirse ese diario milagre que, cada seis horas, atrasaba un pouco.
Terremotos cero, volcáns calados e reflexivos, mares igual ca mares, e nubes
pasaxeiras coma pálidos camiñantes de auga e gas. A vida pasaba e facíase
mirar.
E a Lúa seguía alí, clamaba en rezo electromagnético a radio
mundial. Escura, poderosa e diminuta. Infimo burato sen brillo que roubaba tempo
ao espazo. Arrebatando luz ao Sol e esplendor á noite. Miseria infinda. Resto
negro do naufraxio do noso amor.
Texto en su lengua original · © su autoría.