Premio del jurado
Os océanos teñen voz
Aquel día había unha calor abafadiza. Ultreia apenas podía traballar. O seu
esgotamento por mor do acoro non lle permitía gañarse a vida como ben sabía:
tecendo a liñaceira que xacando levara o Mesías prometido do Novo Testamento. A
balavento, o seu roxo e enguedellado cabelo comezou a moverse conforme o vento
mareiro arrefecía o ambiente. A súa faciana pasou entón do máis inmenso acougo
ao máis azorado sinal de inquedanza. Percatouse de que xa non podía seguir
queda, como a súa irmá do Pórtico das Praterías, senón que debía bulir para
loitar contra os inimigos da vida e da Nai Terra. Entón, sobe ao alto da
Sombriza e toca unhas engaiolantes melodías desprendidas do ancestral e bélico
corno.
Debemos saber que Ultreia era unha implacábel guerreira, ao estilo
de Maroñas ou de Bandua, xa que ataba os seus adversarios ao toro dun
elevadísimo piñeiro. Empurrada por unha inconmensurábel carraxe, mira unha
última vez a infinda cova de San Vello e mergúllase morriñosa nas profundas e
azulinas augas cercanas á Atalaia. Emerxen entón uns intensos pensamentos do
máis fondo da súa alma: “Non podo tolerar que o fogar do meu benquerido Breogán
sexa destruído por eses cans que gustan de chamarme a min ransoña e suíña, pero
que en verdade ao único que consagran o seu tempo é a barnar e luxar as miñas
belidas illas dos Farallóns”. Mentres pensa isto avanza inexorabelmente movendo
os brazos e nadando do xeito máis garboso endexamais visto no mundo enteiro. Os
seus brazos deben apartar unha substancia verdecente que lembra aos
fertilizantes ricos en azote, elemento este, que o douto compañeiro celta Daniel
Rutherford descubriu que se podía separar do ar. É inevitábel que daquela a súa
cabeza dea na teima da desgraza que aquilo supón: “Arre demo bendito, estes
tolos enchen isto de oucas a esgalla! Como sigamos así non haberá quen alente e
os que andamos ao mar ou, simple e sinxelamente, somos do mar, imos desaparecer
por completo”.
De súpeto, esta fermosa criatura topa cunha extravagante
prenda que só os seres cunha visión tan desenvolvida como as Maruxainas poderían
ver, camuflada como estaba naquela azulada masa de auga. Quen se introducise,
crédeme ben, nesa prodixiosa mente que era a súa, atoparía reflexións do tipo:
“Que parvos estes humanos: tapan a boca para non recibir a vinganza da
enfermidade que eles sementan no planeta” ou “Aló che me van a lamprea da Carme
e mais o rapante do Brandán como traguen esa lixosa máscara”. Xa entón estaba
alcanzando a terra e para cando chega ao escenario de loita, atopa homes
adobiados con moi xeitosos e careiros ternos a falar entre si con sorrisos
incluídos. “Coitados do diaño”, chega a razoar, por moi contraditorio que vos
poida soar. No seu impenetrábel interior asoman dúbidas e acorda unha colosal
tormenta de preguntas -un tanto irónico nun ser que adoita acometer feridoras
desgrazas arredor do escorregadizo e hipnótico escenario que xeran as máis
enxebres tempestades da nosa costa-. “Fágoo, si ou non? Cómpre chegar ata tal
punto? É tan danada esta, á vista está, cínica civilización?”. Coma un lóstrego
que empuxa as antergas lembranzas do lóbulo temporal ao frontal grazas ás non
moi poéticas ondas Theta, vénlle á memoria a única persoa que lle merece
compaixón, dicíndolle a ela de meniña: “Non te amola! Unha insubornábel coma ti
ben merece ser retratada na bandeira da nosa Nación! Logo non te lembras de
cando, nunha manifestación do teu rabudo carácter, me dixeches aquilo de
denantes morta ca escrava, en referencia a que non che daba a gana de admitir a
túa derrota na estornela, pillabana? Pois esa túa natureza lizgaira e arteira
foime unha fonte de inspiración, polo que semella”. Xa que logo, e unha vez que
ficou convencida do seu obxectivo supremo, decide empezar o seu conxuro. Empeza
botando un mal de ollo ao testán que nega o problema da destrución do seu
hábitat. Logo, enfeitiza ao covarde que non se enfrontou ao toleirán anterior.
Unha vez rematado isto, empeza a cantar:
Abandonastes a crenza da
auga
como entrada ao máis aló,
destruístes os castros
e destes as
costas ao mar,
esquecestes a vosa orixe matriarcal.
Ai lalelo, ai
lalalo!
Cada nova verba adormece aos presentes. O curioso corno inherente
á Maruxaina emite un rouco son. O día acábase. Os seres humanos morren. O
derradeiro raio de luz do tenue luscofusco ilumina unha pedra da capela do
Patrocinio de Rianxiño: nela hai unha serea, que chora pola destrución da
humanidade, pero que coas súas bágoas limpa o mar dos ciscallos producidos polas
persoas. Os mexillóns de onda Cervo respiran calmados: agora non se envelenarán
cada vez que filtren auga. Navia, deusa acuática castrexa, sentencia:
“Exactamente, Castelao, denantes mortos que escravos, escravos do inmobilismo”.
Texto en su lengua original · © su autoría.