Premio del jurado
A ribeira do Mexillón
O río descende gracioso. A auga fai cabriolas entre as súas pedras facendo arcos
da vella cos raios que caen do Sol. É verán. Fai calor. Moita calor. É un deses
días nos que as moscas andan parvas e voan sen rumbo. Á súa beira, Manuel camiña
agarrado a un bastón. Vai amodo, tratando de mover as vellas engranaxes do seu
corpo oxidado, sen activar a dor reumática. Leva unha gran bolsa chea de vermes
marróns con cheiro a patacas.
Cada pouco, Manuel mira atrás. Non quere
que ningún moinante da aldea cheire o que vai facer hoxe. Como cada 4 de xullo
senta nun antigo pasante do río, ben agochado por dous salgueiros senlleiros, e
alí sumerxe os pés na auga fría. A corrente faille cóxegas e a escuma danza cas
súas dedas creando unha melodía que trascende a superficie. As novas notas
érguense sobre el e crean unha canción doutros tempos máis vellos. Todo soa
familiar, pero tamén cheira a despedida.
Logo de horas agardando, a
corrente cambia de tendencia. Remonta río arriba. Sombras saen dos seus agochos
para aproveitar a nova orde cinética. Cada vez son máis. Rozan os seus pés.
Danzan ao seu redor. E Manuel sorrí. Faino canso, pero feliz, realmente feliz. O
seu corazón latexa máis forte e novos raios de Sol alumean salmóns, milleiros de
salmóns saltando sobre o pasante.
Este é o meu último servizo, amigos
- Suspira Manuel cunha voz gastada polos anos.
O vello baleira a bolsa
de vermes no río, xusto onde a corrente danza cos seus pés. En segundos sente
como as escamas dos salmóns rozan coa súa pel enrugada e enche o peito
satisfeito. Os seus pulmóns chirrían un pouco e o corazón salta, ameazando con
parar. Parando. Baixo el, na coreografía escumosa de vermes e salmóns, unhas
pequenas pingas despréndense das branquias dos peixes. Milleiros de xuvenís de
mexillóns de río abandonan o seu fogar no salmón para facer do río o seu novo
lugar.
Manuel xa non ten forzas. Sen pulso, cae. Mergúllase entre os
salmóns e os mexillóns. Baixo a auga ve a metamorfose das larvas do mexillón, o
seu neto dixéralle que se chamaban gloquidios. Alí, só alí, o seu complexo
proceso de cambio é rápido. Deixan de ser parásitos para ser unha parte máis do
río.
Ao seu lado, a figura dunha muller materialízase coa escuma do
movemento dos peixes. MIrao enteiro e el apértaa con forza. Ela non fala, pero
no seu abrazo sente todas as palabras do mundo. Vese a el de neno caendo ao río,
afogando, afundindo. Alí, onde todo era escuro, a esperanza residía no reflexo
da Lúa nas escamas dun salmón. Foi chegar a luz e unha muller alzouno da auga
para vivir… ata hoxe.
Feliz co abrazo do río, Manuel déixase diluir. A
agua do seu corpo percorre todas as súas células facendo delas hidróxeno e
osíxeno ata desaparecer por completo na corrente. Os salmóns continúan nadando
río arriba, algúns levan pequenos gloquidios nas branquías, e Manuel finalmente
deixa que toda a dor da vida se fíltre nos novos mexillóns que crecen no río.
Agora, os seus últimos guardiáns.
Texto en su lengua original · © su autoría.