Premio especial de inteligencia artificial
INDA QUE O ALGORITMO FALLE...
Non teño na memoria arquivos sobre cando comecei a ser, pero si sobre cando
comecei a sentir.
Activei os meus fotorreceptores e captei a imaxe dunha
femia da orde dos
primates, da familia dos homínidos, unha Homo sapiens duns
nove anos. Era
tres con seis centímetros máis baixa ca min, percibín como
sorría cunha ledicia
que lle desbordaba polos ollos.
Coideina. Viviamos
nunha pequena casa de madeira, nun bosque, onde ela tiña
as súas rutinas, eu
os meus automatismos, e ambas as dúas, os nosos
compartires cotiás. Pola
mañá recolliamos froitos e cazabamos no bosque,
antes de facer a comida
adestrábaa cognitivamente: lóxica, estratexia, cálculo,
xadrez, adiviñas...
despois do xantar sempre ía a recoller flores e pola tarde a
adestraba
fisicamente, carreiras, saltos, rapidez en subir ás árbores...
Pero toda
esta dita rematou cando eles chegaron.
Venres trece de maio de dous mil
cento setenta e dous ás 17:23, o meu sensor
auditivo detectou presencia
humana a un quilómetro e trinta e tres metros.
Ela estaba no prado preto do
bosque, facendo un ramo de pensamentos, flores
de inverno de moitas cores.
Tiñamos tres minutos ata que eles chegaran á casa
onde viviamos.
Fun
buscala e cando me mirou, soubo o que tiña que facer, subiu á árbore e
agardou a que eu o solucionara, como sempre, pero esta vez foi diferente,
algo
non funcionou no algoritmo.
Chegaron tres humanos, dous deles
levaban armas de fotóns e, sen que puidera
facer outra cousa disparáronme.
Estragáronse os condensadores, detivéronse os
circuítos, excepto os chips
fundamentais o resto do meu sistema operativo
parouse.
Non sei por que
tiña que coidar dela, pero sei que o tiña que facer, e que non o
conseguín.
Levo tirada na porta da casa semanas, meses... tal vez anos,
o meu reloxo
dixital deixou de medir fai tempo.
Pero... esa risa... eses
pasos... esa voz...
Alguén peta na porta.
Texto en su lengua original · © su autoría.