Finalista del jurado
LOGOS ARENA
O cuadrilátero fervía en decibelios. Nestas alturas do tempo, afastadas de
calquera comprensión, dous androides, azul e vermello, sentados en extremos
opostos e ataviados de altofalantes en cabeza e peito, emitían oracións na
estrita orde que lles imprimían as súas programacións.
A máquina azul
defendía coas súas frases unha tese Creacon, cuxo equivalente no pasado remoto
sería creacionista, cando se supuxera que o creacionismo caería polo seu propio
peso colapsando como un vello edificio inútil. Mentres que a outra máquina,
desta volta de cor vermella, esgrimía os argumentos precisos para defender unha
tese Evolve, cuxo equivalente pretérito sería Evolucionista, coma se fose
preciso erguer unha defensa a unha perspectiva tan obvia do noso progreso
biolóxico como seres humanos.
Pero nin o arrase irremediable dos tempos
variara unha miga o creacionismo nin considerara o evolucionismo como a tese
válida e indiscutible da nosa presenza xa moi dilatada no planeta Terra. E toda
aquela humanidade que berraba a gorxa rachada para remediar a frustración
individual tiña so en mente que os argumentos do seu robot predilecto se
impuxeran aos argumentos do robot 'inimigo', envorcando neles unha felicidade
efémera a moi curto prazo que so lles custaría un fato de créditos.
Cando o
androide vermello ficou sen argumentos un estrondo de xúbilo se fixo co
ambiente. Os sensores policías entraron en funcionamento para evitar que os
seareiros da máquina perdedora agredisen aos seguidores da cor azul e,
inmediatamente, un discreto sistema de exección suave comezou a erguer dos seus
asentos aos espectadores de ambos bandos, nunha orde marcial posible grazas aos
potentes equipos informáticos que rexían aquel lugar: o Logos Arena.
O Logos
Arena era unha colosal superficie cuadrangular rodeada de asentos graduados con
aparencia de bancadas de coliseo romano, cruzado por un corredor longo dende un
dos vértices ao outro para que os técnicos e as máquinas Logos entraran no
terreo de discusión. Un corredor polo que, unha vez baleiro o recinto,
apareceron axilmente dous operarios que se dirixiron cara as costas dos
humanoides mecánicos para supervisar que todo estivera en orde para o combate do
seguinte día, mentres o ordenador central autoconsciente procedía a
desinstalarlles os respectivos arquivos: unha obra ancestral dunha entidade do
pasado chamada Darwin e que respondía ao título de A orixe das especies. E no
outro caso un arquivo de autoría compartida dixitalizado moitos séculos atrás.
Unha obra máis ancestral que respondía ao apelativo de A Biblia. Para proceder
coa instalación dos novos contidos sobre os que xa se recolleran completamente
as apostas dos humanos, ca fin de conceder o desquite á obra evolucionista e
prolongar a contenda en sucesivos combates que lles proporcionaran ao estado os
máis cuantiosos réditos.
O Logos arena cobraba aos poucos un éxito sen
precedentes, televisando os combates a través das pantallas dos fogares e sobre
un complexo intricado de apostas, logo de que as enxeñerías construtoras das
máquinas humanoides cansaran de facer contender contrincantes mecánicos
ataviados unicamente de apéndices móbiles mecánicos cortantes, como fouces,
coitelas, perforadores, puntas, arestas, gumes... e se chegara á conclusión de
que a intelectual tamén era unha forza, pero nin moito menos unha forza única,
unidireccional ou verdadeira.
Texto en su lengua original · © su autoría.